O departamento de italiano realizou diferentes unidades didácticas nos niveis de básico e intermedio sobre alimentación e saúde.
O proxecto baseouse no movemento Slow food, creado por Carlo Petrini no 1986 e estendido a nivel internacional. Partindo desta base realizáronse diferentes actividades nas catro destrezas. Aquí temos un exemplo de actividade: CI-Mangiare-Slow-Food
Proxectouse na aula a película de Stefano Sardo Slow Food story para entender as orixes do movemento e Focaccia blues de Nico Cirasola para practicar a expresión oral creando debate sobre o Slow food en contraposición co Fast food.
Para reforzar e chamar a atención do alumnado sobre a importancia da alimentación no noso corpo e nosa saúde, realizouse unha exposición de carteis en forma de banda deseñada na planta baixa da escola, para que poidan achegarse non só o alumnado de italiano senón o resto de alumnado dos diferentes idiomas impartidos na EOI.
O día 26 de febreiro levouse a cabo un laboratorio de cociña impartido pola Chef italiana Anna Mayer. Neste obradoiro deuse importancia á cociña italiana fusionada coa cociña galega, resaltando a importancia da materia prima local para a elaboración de receitas, neste caso italianas, e o punto de unión cultural entre Italia e Galicia a través da cociña.
As receitas que se cociñaron son as seguintes:
1º Risotto al caldo gallego
2ª Orecchiette con grelos
3º Polpette alla veneziana
4º Chiachiere
Participou o alumnado na elaboración das receitas, podendo practicar as catro destrezas: a Comprensión oral escoitando as instrucións da chef para o desenvolvemento da receita en cociña, a expresión oral interactuando coa cociñeira e o resto dos seus compañeiros no desenvolvemento da actividade, a comprensión escrita xa que terán que seguir os pasos das receitas que terán que elaborar e a expresión escrita porque ao finalizar a sesión terán que inventar un menú saudable fusionando a cultura culinaria italiana coa doutros paises. Esta é a actividade: cucina fusion.